Thursday 02 de May de 2024

A Xunta destinará en 2022 máis de 7 millóns de euros á rehabilitación de vivenda en Galicia, o maior orzamento da última década desta materia


— Ángeles Vázquez salienta que o orzamento destinado á recuperación de inmobles medra un 53% respecto da cifra do ano 2021

— Avanza que as contas do 2022 serán o pulo definitivo á rehabilitación de vivenda na comunidade e ratificarán a súa efectividade para garantir o acceso a unha vivenda e recuperar os inmobles en estado de abandono

— Vázquez Mejuto salienta que en Ferrol este esforzo e compromiso visualízase nos 19 inmobles adquiridos ao abeiro do Rexurbe, dos que resultarán 38 vivendas e 4 locais comerciais para dinamizar o centro histórico da cidade naval

A Xunta destinará ao longo de 2022 máis de 57,4 millóns de euros aos programas de rehabilitación para mellorar o parque de vivendas da Comunidade galega, é dicir, “o maior orzamento destinado á rehabilitación na última década”, segundo avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Ángeles Vázquez visitou o barrio ferrolá da Magdalena, onde se adquiriron varios inmobles ao abeiro das axudas da Xunta para a compra de vivenda en centros históricos, e indicou que o eixe de rehabilitación increméntase nun 53% respecto da cifra do pasado ano, cando se programaron 37,5 millóns de euros.

Tal e como explicou a conselleira, o 2022 será o ano no que se lle dará o pulo definitivo á rehabilitación de vivendas, conseguindo dous obxectivos, como: seguir impulsando medidas para facilitar o acceso a unha vivenda e recuperar os inmobles sen vida, evitando o abandono e a desprotección.

Ángeles Vázquez salientou que o esforzo e compromiso do Goberno galego coa recuperación do xa construído canalízase principalmente a través do programa Rexurbe, que no vindeiro exercicio estará dotado de 10 millóns de euros para comprar e rehabilitar inmobles.

Nese sentido, avanzou que Ferrol será un dos máximos expoñentes desta iniciativa –posta en marcha pola Xunta en 2017- pois absorberá unha cuarta parte dos fondos que se prevén para este programa; de xeito que se destinará un orzamento de 2,5 millóns de euros á cidade naval.

Destacou que estes recursos permitirán continuar co traballo de rehabilitación que se leva a cabo en Ferrol, concello no que xa se adquiriron 19 inmobles e dos que- tras os traballos de recuperación- resultarán 38 fogares e 4 locais comerciais, que encherán de vida e dinamismo este parte do centro histórico. A modo de resumo, indicou que para a totalidade de edificios xa están en marcha os distintos trámites e procesos e, nese sentido, solicitou axilidade ao Concello de Ferrol para a concesións das licenzas de obra.

A conselleira de Medio Ambiente tamén recordou que no caso de Ferrol hai que falar así mesmo da Área Rexurbe, que foi solicitada polo Concello e cuxa proposta está a analizar o Instituto Galego de Vivenda e Solo. Trátase dunha figura recollida na Lei de rehabilitación coa que non só se incidirá na rehabilitación do patrimonio edificatorio, senón na recuperación integral do ámbito que abarque dita área.

Ángeles Vázquez aclarou que estas dúas iniciativas -de impulso directo da Xunta- non son ás únicas, xa que no vindeiro exercicio tamén se volverán a convocar as axudas para a adquisición de vivenda en centros históricos –como as concedidas en 2021 por 100.000 euros a 10 vivendas d cidade, dúas delas na rúa Magdalena, visitada esta mañá- ou as subvencións da ARI dos Camiños de Santiago, xa que por Ferrol pasa o Camiño Inglés.

Por último, a conselleira de Medio Ambiente salientou que estas contas son o legado de Valeriano Martínez, exconselleiro de Facenda, “un servidor público que sempre traballou con rigor e realismo e, sobre todo, adaptadas ás necesidades dos galegos e coas facer que Galicia avance un chanzo definitivo na cultura da rehabilitación.